mércores, 1 de xaneiro de 2025

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025

 AS LETRAS GALEGAS 2025 RENDERÁN HOMENAXE Á POESÍA POPULAR ORAL E ÁS CANTAREIRAS GALEGAS

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 5 de xullo de 2024, que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2025 estará dedicado á poesía popular oral e ás cantareiras galegas. En representación de todas elas, homenaxearanse as figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda); Eva Castiñeira (Muxía); e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).

Con esta homenaxe colectiva a RAG quere poñer de relevo a gran contribución que as cantareiras e pandeireteiras fixeron á cultura galega e, ao mesmo tempo, busca visibilizar o traballo das novas xeracións de artistas que están a levar o noso idioma por todo tipo de palcos e escenarios (nacionais e internacionais) con repertorios que beben da fonte da poesía popular oral.